Mostrando entradas con la etiqueta PMAR. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PMAR. Mostrar todas las entradas

miércoles, 31 de agosto de 2016

OS PROGRAMAS DE MELLORA DO RENDEMENTO E APRENDIZAXE SEGUNDO AS INSTRUCCIÓNS PARA O CURSO 2016/17


  • Condicións de acceso

Deberá de tratarse de alumnado con dificultades relevantes de aprendizaxe, ter sido obxecto doutras medidas, sen que estas resultasen suficientes para a recuperación das dificultades de aprendizaxe detectadas, existir expectativas razoables de que coa incorporación ao programa poderán cursar o cuarto curso pola vía ordinaria.



a) Incorporación a un programa de mellora e aprendizaxe de dous anos

- Alumnado que teña cursado por primeira vez o primeiro curso da ESO, tendo repetido en Primaria, ou que cursou por segunda vez o primeiro curso da ESO e non  está en condicións de promocionar ao segundo curso da ESO; poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo dos cursos de segundo e terceiro.

b) Incorporación a un programa de mellora e aprendizaxe de un ano

- Alumnado que teña cursado por primeira vez o segundo curso da ESO e non está en condicións de promocionar ao terceiro curso da ESO, tendo repetido en Primaria e/ou en primeiro curso da ESO; poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do terceiro curso.

- Alumnado que teña cursado por segunda vez o segundo curso da ESO, e non está en condicións de promocionar ao terceiro curso da ESO, poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do terceiro curso.

- Con carácter excepcional, alumnado que teña cursado por primeira vez o terceiro curso da ESO e non está en condicións de promocionar ao cuarto curso da ESO, sen ter repetido ou tendo repetido unha vez na etapa, poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do terceiro curso.

  • Procedemento de incorporación
- Realizada a avaliación extraordinaria, o equipo docente realizará unha proposta razoada do alumnado que se concretará nun informe individualizado,que recollerá a competencia curricular, as dificultades de aprendizaxe presentadas, as medidas de atención á diversidade aplicadas e os motivos polos que o equipo docente considera a conveniencia de que o alumno ou a alumna se integre nun programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento. Ese informe trasladarase á xefatura do departamento de Orientación.

- Avaliación psicopedagóxica No informe correspondente a esa avaliación deben constar, entre outros aspectos, as conclusións das reunións co profesorado titor e, se se trata de alumnado menor de idade, cos pais, as nais ou titores/as legais de cada alumno e alumna, para lles formular a conveniencia da súa incorporación a un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento.

Deixarase constancia escrita da opinión dos pais, as nais ou titores/as legais respecto da proposta formulada.
- Posteriormente, unha comisión formada polo/a xefe/a de estudos,  a persoa que exerza a xefatura do departamento de Orientación e o/a titor/a do alumno ou da alumna valorará os informes emitidos e a opinión, de ser o caso, do pai, a nai ou os/as titores/as legais, realizando unha proposta ao/á director/a sobre a incorporación ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento.
- Compete ao director ou á directora do centro docente elevar a proposta de autorización sobre a incorporación do alumnado ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento ao servizo provincial de Inspección Educativa. Á solicitude achegaráselle a relación de alumnado proposto e a relación de profesorado que vai impartir cada un dos ámbitos do programa.
-  O servizo provincial da Inspección Educativa emitirá a autorización expresa para o desenvolvemento dos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento que cumpran os requisitos establecidos, e que será comunicada aos centros docentes antes do comezo do curso.
- Para a impartición dos ámbitos destes programas conformaranse grupos que non superarán o número de dez alumnos/as e non serán, con carácter xeral, menos de cinco.

  • Currículum das materias
- Ámbito lingüístico e social, que abrangue as materias de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Xeografía e Historia do segundo curso e do terceiro curso, con nove horas semanais
- Ámbito científico e matemático, que abrangue as materias de Matemáticas e Física e Química do segundo curso e de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas, Bioloxía e Xeoloxía, e Física e Química do terceiro curso, con oito horas semanais
- Ámbito de linguas estranxeiras, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente á materia de Primeira Lingua Estranxeira, con tres horas semanais.

  • Avaliación e promoción
- A avaliación terá como referente fundamental as competencias e os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, así como os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables. Esta avaliación será continua e diferenciada, segundo os ámbitos do programa e as materias.
- O alumnado  será avaliado polo profesorado que imparte cada un dos ámbitos e materias, baixo a coordinación do profesorado titor do programa e do profesorado titor do grupo de referencia. As cualificacións dos ámbitos realizaranse nos mesmos termos que as materias.
- O alumnado con materias pendentes de cursos anteriores realizará as actividades de reforzo e de apoio que lle permitan recuperalas ao longo do desenvolvemento do programa, e a avaliación será competencia do profesorado que o imparta, coa colaboración dos departamentos implicados.
- O alumnado  promocionará ao cuarto curso se supera todos os ámbitos e materias que integran o programa. Non obstante, poderá promocionar o alumnado que, tendo superados os ámbitos lingüístico e social e científico e matemático, teña avaliación negativa nunha ou dúas materias, e de maneira excepcional en tres, sempre que o equipo docente considere que o alumno ou alumna pode seguir con éxito o curso seguinte, que ten expectativas favorables de recuperación e que a promoción beneficiará a súa evolución educativa. Para estes efectos, o ámbito de linguas estranxeiras terá a consideración dunha materia.
- O alumnado poderá permanecer un ano máis no segundo curso do programa, sempre que o equipo docente considere esta medida como a máis adecuada para cursar cuarto curso da educación secundaria obrigatoria pola vía ordinaria, e obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.
- Para a recuperación das aprendizaxes non adquiridas, o alumnado que promocione a cuarto curso con materias ou co ámbito de linguas estranxeiras do programa pendentes, deberá seguir un programa de reforzo adaptado ás súas características e necesidades.

Referencia lexislativa:

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a implantación, no curso académico 2016/17, do currículo establecido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...