OS PROGRAMAS DE MELLORA DO RENDEMENTO E APRENDIZAXE SEGUNDO AS INSTRUCCIÓNS PARA O CURSO 2016/17
- Condicións de acceso
Deberá de tratarse de alumnado con dificultades relevantes de aprendizaxe, ter sido obxecto doutras medidas, sen que estas resultasen suficientes para a recuperación das dificultades de aprendizaxe detectadas, existir expectativas razoables de que coa incorporación ao programa poderán cursar o cuarto curso pola vía ordinaria.
a) Incorporación a un programa de mellora e aprendizaxe de dous anos
- Alumnado que teña cursado por primeira vez o primeiro curso da ESO, tendo repetido en Primaria, ou que cursou por segunda vez o primeiro curso da ESO e non está en condicións de promocionar ao segundo curso da ESO; poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo dos cursos de segundo e terceiro.
b) Incorporación a un programa de mellora e aprendizaxe de un ano
- Alumnado que teña cursado por primeira vez o segundo curso da ESO e non está en condicións de promocionar ao terceiro curso da ESO, tendo repetido en Primaria e/ou en primeiro curso da ESO; poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do terceiro curso.
- Alumnado que teña cursado por segunda vez o segundo curso da ESO, e non está en condicións de promocionar ao terceiro curso da ESO, poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do terceiro curso.
- Con carácter excepcional, alumnado que teña cursado por primeira vez o terceiro curso da ESO e non está en condicións de promocionar ao cuarto curso da ESO, sen ter repetido ou tendo repetido unha vez na etapa, poderá incorporarse ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento que se desenvolverá ao longo do terceiro curso.
- Procedemento de incorporación
- Realizada a avaliación extraordinaria, o equipo docente realizará unha proposta razoada do alumnado que se concretará nun informe individualizado,que recollerá a competencia curricular, as dificultades de aprendizaxe presentadas, as medidas de atención á diversidade aplicadas e os motivos polos que o equipo docente considera a conveniencia de que o alumno ou a alumna se integre nun programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento. Ese informe trasladarase á xefatura do departamento de Orientación.
- Avaliación psicopedagóxica No informe correspondente a esa avaliación deben constar, entre outros aspectos, as conclusións das reunións co profesorado titor e, se se trata de alumnado menor de idade, cos pais, as nais ou titores/as legais de cada alumno e alumna, para lles formular a conveniencia da súa incorporación a un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento.
Deixarase constancia escrita da opinión dos pais, as nais ou titores/as legais respecto da proposta formulada.
- Posteriormente, unha comisión formada polo/a xefe/a de estudos, a persoa que exerza a xefatura do departamento de Orientación e o/a titor/a do alumno ou da alumna valorará os informes emitidos e a opinión, de ser o caso, do pai, a nai ou os/as titores/as legais, realizando unha proposta ao/á director/a sobre a incorporación ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento.
- Compete ao director ou á directora do centro docente elevar a proposta de autorización sobre a incorporación do alumnado ao programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento ao servizo provincial de Inspección Educativa. Á solicitude achegaráselle a relación de alumnado proposto e a relación de profesorado que vai impartir cada un dos ámbitos do programa.
- O servizo provincial da Inspección Educativa emitirá a autorización expresa para o desenvolvemento dos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento que cumpran os requisitos establecidos, e que será comunicada aos centros docentes antes do comezo do curso.
- Para a impartición dos ámbitos destes programas conformaranse grupos que non superarán o número de dez alumnos/as e non serán, con carácter xeral, menos de cinco.
- Currículum das materias
- Ámbito científico e matemático, que abrangue as materias de Matemáticas e Física e Química do segundo curso e de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas, Bioloxía e Xeoloxía, e Física e Química do terceiro curso, con oito horas semanais
- Ámbito de linguas estranxeiras, que abrangue os aspectos básicos do currículo correspondente á materia de Primeira Lingua Estranxeira, con tres horas semanais.
- Avaliación e promoción
- A avaliación terá como referente fundamental as competencias e os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, así como os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables. Esta avaliación será continua e diferenciada, segundo os ámbitos do programa e as materias.
- O alumnado será avaliado polo profesorado que imparte cada un dos ámbitos e materias, baixo a coordinación do profesorado titor do programa e do profesorado titor do grupo de referencia. As cualificacións dos ámbitos realizaranse nos mesmos termos que as materias.
- O alumnado con materias pendentes de cursos anteriores realizará as actividades de reforzo e de apoio que lle permitan recuperalas ao longo do desenvolvemento do programa, e a avaliación será competencia do profesorado que o imparta, coa colaboración dos departamentos implicados.
- O alumnado promocionará ao cuarto curso se supera todos os ámbitos e materias que integran o programa. Non obstante, poderá promocionar o alumnado que, tendo superados os ámbitos lingüístico e social e científico e matemático, teña avaliación negativa nunha ou dúas materias, e de maneira excepcional en tres, sempre que o equipo docente considere que o alumno ou alumna pode seguir con éxito o curso seguinte, que ten expectativas favorables de recuperación e que a promoción beneficiará a súa evolución educativa. Para estes efectos, o ámbito de linguas estranxeiras terá a consideración dunha materia.
- O alumnado poderá permanecer un ano máis no segundo curso do programa, sempre que o equipo docente considere esta medida como a máis adecuada para cursar cuarto curso da educación secundaria obrigatoria pola vía ordinaria, e obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.
- Para a recuperación das aprendizaxes non adquiridas, o alumnado que promocione a cuarto curso con materias ou co ámbito de linguas estranxeiras do programa pendentes, deberá seguir un programa de reforzo adaptado ás súas características e necesidades.
Referencia lexislativa:
RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a implantación, no curso académico 2016/17, do currículo establecido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.
Referencia lexislativa:
RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a implantación, no curso académico 2016/17, do currículo establecido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario